Traspasando fronteiras (mentais). Dúas imaxes
O escritor galego Carlos Quiroga, entre os 'clássicos universais' como Oscar Wilde, Tolstoi, Borges, Eça de Queirós... da 'Bilioteca de Verão' do Diário de notícias e mais o Jornal de notícias en Portugal.
(Prema na imaxe para vela máis grande)
O léxico galego incluído no Flip 8, corrector ortográfico da Priberam.

Esperpento médico en Castro Ribeiras de Lea
Despertamos da hibernación estival para darmos conta dun acontecemento vergoñoso que ben merece ser divulgado.
Situémonos:
Século XXI, Reino de España, estado social y democrático de Derecho. O director da oficina de Correos de Castro Ribeiras de Lea (no concello de Castro de Rei, Terra Chá) recibe a baixa médica por causa dun tumor cerebral. Despois da operación, o médico que o trata e mais o neurocirurxián coinciden en que debe gardar repouso e que en outubro se poderá avaliar como evoluiu a doenza con novas probas para determinar o tratamento adecuado.

Por outra parte, os médicos de correos, que, sorprendentemente, segundo o réxime interno da institución teñen máis autoridade que os da seguridad social, determinan que o señor non pode continuar coa baixa e que debe reincorporarse ao traballo de inmediato. Sinxelamente, Correos non quere reducir os custes económicos. E así, un home cunha enfermidade desta índole e co tratamento aínda por determinar é obrigado a traballar cun computador, conducir, e dirixir unha oficina! Non creo que faga falta o doutorado en medicina para ver o tremendo despropósito de todo esta historia.
Consecuencia: Ás poucas horas de comezar o traballo, tivo que voltar ao hospital Xeral en ambulancia. O caso está agora en mans da CIG que está pensando en colocar unha denuncia. Non sei exactamente que reparo ou indemnización pode desfacer esta desfeita, mais xa veremos como se desenvolve o asunto. E todo isto debido, en palabras da propia CIG, á «insensibilidade duns deshumanizados médicos de Correos que a pesar de estudar unha profesión na cal o principio fundamental é antepoñer a saúde das persoas por riba de todo, compórtanse como meros mercenarios». En fin... ver para crer.
RIP

Como moitos sabedes, estes últimos días caeu media internet galega: O xornal electónico Vieiros deixou a súa actividade o día 24 e o portal de noticias chuza, moi frecuentado e estimado por este humilde blogueiro, seguiulle os pasos no propio día da patria, cun xeito ben irónico de celebralo.
Fica así reducida a oferta de novas en galego na rede ao xornal A Nosa Terra diario, o Galicia Confidencial, Galicia Hoxe, o 50% do Xornal e as notas folclóricas do resto de xornais online.
Para a rede social, en canto nos conformamos con outras alternativas do sur, xa hai, felizmente, algún proxecto de reencarcación. Esperemos que non demore moito.
RIP
Pérolas…
Imos cun dos tema máis reorridos na Internet: as (supostas) pérolas de alumnos en exames. Apañeinas do incontinuado blogue erros nos exames, que ten algunhas moi boas:
'En 1936 atópase o primeiro Estatuto de Economía'
'Fúndase nesta época o Sindicato da Lingua Galega'
'Tamén se funda a Universidade de Estudios Galegos'
[comentario crítico] 'Se algún día teño que ter un negocio pola miña parte contratarei mulleres xa que son máis listas e limpas'
Xograres: 'Eran xograges que facían entreter a xente cos seus actos ambulatorios, a cambio de comida ou diñeiro.'
Soldadeiras: 'Protexían os castelos a porta principal'.
'Pon en plural: O canon de beleza é unha convención efémera
Resposta: Os canons de beleza son uunhas convencións de enfermeiras'
'Castelao naceu en Rianxo na pampa arxentina.'
'No século XVII contábase con dúas linguas o latín e o galego, esta primeira tiña un gran prestixio e era a lingua Nacional, pero o galego era desprezado.'
'Nesta época a mayoría da xente que residía en Galicia era foráneos, do pais vasco, cataláns.'
'Sinónimo de incentivar: indemnizar. Antónimo: encarecer'
.
E para rematar, máis pérolas, importadas do Brasil, e presentadas polo humorista/actor/escritor Jô Soares
[lembren que 'reformados'=xubilados
]
Sinais confusos
Todos coñecemos o célebre sketch humorístico de 'Air Galicia' do turista madrileño que se enfada ao encontrar sinais na estrada (supostamente) en galego.
Pois ben, ser é unha broma, mais non andaba moi desencamiñada. O idioma dos sinais de stop, que en Irlanda levan a palabra 'Stad" en zonas de fala irlandesa, foi un problema real o ano pasado nunha parroquia de Donegal, onde un turista se queixou de que 'non entendía' o significado dese tan ambiguo símbolo.
A polémica levou a que efectivamente se retirasen os sinais substituíndoos por uns de lingua inglesa. A nós pouco nos faltará para ver situacións semellantes...
Unha historia, varias versións
Que ben traballan na Xunta! E máis os da Consellaría de Educación. Entre as múltiplas boas accións que levan a cabo desinteresadamente, está unha que noticiaban hai uns días deste xeito:
Educación non atendeu á petición unánime das organizacións sindicais para tratar o Decreto de Formación en setembro
STEG (pdf)
...Constatamos un grande desinterese, manifestado verbalmente por parte da
presidencia da Mesa, por negociar e atender as peticións presentadas polas organizacións sindicais
presentes. Por esta razón, o STEG e mais outras dúas organizacións sindicais, das cinco presentes,
mantivémonos na nosa postura e decidimos, como unha forma de protesta, non entrar na negociación do
borrador do Decreto levado a esta Mesa, polo que só intervimos na quenda de rogos e preguntas. Non
obstante, facemos pública, deseguido, a nosa postura ante esta nova regulamentación da formación
permanente do profesorado.
[os destacados son nosos]
Pois ben, comprobaremos, nós tamén, 'con estupor', que non só os sindicatos non concordaron coa propoposta da Xunta, senón que tres deles (CIG, STEG e UGT) nin sequera estaban na negociación!! e aínda por riba a nova inclúe unha foto do (suposto) diálogo!!!!
En fin, non sei como aínda hai xente que pense que se pode fiar do NO-DO, digo... da consellaría
Botar a voar
Chegou o esperado verán, tempo de descanso e, probabelmente, de escapadas ao campo. Alí podemos encontrar, entre outras cousas, un bichiño rubio que se alimenta de pulgóns para o cal existen diversos nomes. É a xoaniña,coñecida na miña zona como rei-rei.
Pois ben, segundo teño observado, parece estar nos costumes de todos os galegos pór un deses insectos na man e cantarlle uns versiños populares até que bota a voar. E hai tanta diversidade destes versiños como de nomes, ou máis. Recompilei aquí algúns que escoitei por aí e mais outros que encontrei pola internet para que queden representadas todas as denominacións galegas do bicho en cuestión. Se o amigo lector coñece máis, que fale agora!
Comecemos polo da xoaniña, como se lle canta, por exemplo, en Dodro:
"Voa xoaniña, voa, que che hei dar pan e cebola
Xoaniña voa, voa, que che hei dar pan de broa".
"Voa, xoaniña, voa, que che hei de dar pan e filloa".
En terras chairegas dicimos:
Rei-rei, cantos anos vivirei, vinte e cinco non o sei: un, dous, tres, catro... e cando bota a voar, eses son os anos que vas vivir, se ben a fiabilidade é cuestionábel.
Tamén unha ben máis específica, que só ten vixencia nun punto concreto do país e que igualmente se refire á futuroloxía:
Rei-rei, pra que lado casarei, prò lado de Lugo ou de Castro de Rei.
Quen lle chama cascarrubia, como en Muros, e outros con outros nomes móstranse más interesados no futuro próximo cantando:
Cascarrubia, cascarrubia, dime se mañá hai sol ou chuvia
Sabiñón, sabiñón,dime se mañá vai sol ou non.
Adiviña, adiviñón, dime se mañá virá sol ou non.
Outros, menos aplicados nas matemáticas, pídenlle que lle conte os dedos:
Pitasol, pitasol, conta os dedos e vai ao sol.
Bichiño de Dios, cóntame os dedos e marcha con Dios.
Hai mesmo quen lle recorda onde está a súa familia:
Maruxiña, voa,voa, que teu pai vai na Madroa.
Maruxiña, voa, voa, que teu pai vai en Lisboa e a túa nai coas vacas, e en vindo daráche as papas.
Finalmente, xa que falamos dos veciños de abaixo, se neste verán decide marchar máis lonxe e transpasar a fronteira, encontrará moitas outras cancionciñas deste tipo para o mesmo animaliño. Aquí xa non nos caben máis, pero sirva esta de exemplo representativo:
Joaninha voa voa, / que o teu pai está em Lisboa A tua mãe no Moinho, / a comer pão com toucinho Joaninha voa voa / que o teu pai está em Lisboa Com um rabinho de sardinha / para comer, que mais não tinha
Viva Ksubi!!
Despertamos da hibernación blogueira para presentarvos unha das mellores... cousas que ideou o cerebro humano. Trátase da nova imaxe do Xacobeo, o simpático Xubi. É un... unha... en fin... é unha bola de cores con sorriso cariñoso que pretende substituír ao xa xubi-lado pelegrín para aledar as vidas de todos aqueles que chegan en peregrinación a Compostela. Hai que dicir que o amiguiño chega algo tarde (non sabemos o que estivo facendo todo o que vai de ano) e agora está causando opinións diversas. Das mascotas do patrón, uns gustan e outros non... xulguen vostedes:

O que non se pode negar é que tivo unha grande acollida na internet. Diferentes blogueiros decubriron xa a grande potencialidade de Xubi... para crear parodias. Aquí vai unha escolma do que puidemos encontrar na rede acerca desta mascota:
Algúns tentan adiviñar a súa verdadeira identidade...

Sen dúbia é óptimo para os mellores 'adestradores'...

... ten tamén o seu lado 'escuro'...

...a súa cariña fai máis apetitoso calquera refresco...

... pode buscar novos compañeiros....

E, por último, fai un perfecto premio literario

Imaxes tiradas dos blogues galiciaprofunda, modesto e seioque
Concertazo!
Este sábado hai un acontecemento sen dúbida histórico. Un concerto organizado pola plataforma Queremos Galego que reúne os grupos Berrogüeto, Ruxe-ruxe, Luar na Lubre, Zurrumalla, Fuxan os Ventos, os 3 Trebóns, A Quenlla, Fía na Roca, García Mc (Dios que te krew), Galegoz, Lamatumbá, Os Carunchos, Espido, Uxía Senlle e a Asociación de Gaiteiros Galegos. Pódese pedir máis por 10 euros? Home, poder pode, pero con todo isto habemos quedar ben satisfeitos!!

Só como pequeno avance, imos tentar adiviñar algún tema que talvez resoe no recinto feiral de Pontevedra:
De Fuxan, por se axeitaren á causa do concerto, calquera destas dúas fermosísimas músicas:
Para non soltarmos máis bágoas das necesarias, un pouco de retranca viría ben, da man da Quenlla. Palabras de hai uns anos que hoxe volven estar de actualidade...
De Luar na Lubre, podemos esperar unha das canción que máis se lles coñece, O son do ar.
Os Ruxe-ruxe han tocar seguramente materiais do último disco, Na fura de diante, mais tamén dos anteriores, coma esta canción que lle dá título ao anterior traballo, Xigantes:
Berrogüetto, tamén con novo disco, tocará o primeiro single, a Danza de Meirol:
Por medio do seu blogue, Carlos Callón, advertía da idoneidade da Watercumbia de Lamatumbá para cantar o lema:
Non quero decretazo, non o quero,
o que eu quero é ensino en galego
E isto só é unha pequena parte do que poderemos gozar alí.... non hai razóns para non asistir!!






